luns, 16 de xuño de 2025

📍Última parada no Camiño

O luns 16 e xoves 19 de xuño, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participou nunha actividade moi esperada: fixemos dous tramos do Camiño de Santiago! Foi unha saída lúdico-recreativa, organizada pola titora de 4º-5º, o titor de 6º e o especialista de Educación Física, coa intención de desfrutar dunha xornada de convivencia, movemento e contacto coa natureza. 🌿☀️

Durante a camiñata, compartimos conversas, risas e moitos pasos. Foi unha ocasión perfecta para fomentar o traballo en equipo, o respecto e a igualdade entre todas e todos. Sen competicións, sen diferenzas. Todas as nenas e nenos tiveron o seu espazo, o seu ritmo e o seu protagonismo.

Nesta actividade, a igualdade fíxose presente de forma natural: camiñamos en grupo, acompañándonos e apoiándonos ao longo do traxecto. Non fixemos distincións nin roles marcados, e iso axuda a construír unha convivencia máis xusta, onde cada persoa conta e suma.

Foi unha maneira diferente e fermosa de pechar este espazo no noso blogue, agradecendo todo o aprendido e vivido ao longo do curso. 💜







Ata a próxima aventura... e bo camiño! 💜 💜

mércores, 11 de xuño de 2025

Chaveiros coa impresora 3D ✊✨

Este curso, a través do proxecto Donas de Si, estivemos reflexionando sobre o importante que é recoñecer o valor, a forza e a capacidade das mulleres en todos os ámbitos da vida: na familia, no traballo, no deporte, na ciencia, na cultura… en todo!

Como recordo deste proxecto, o profesorado deseñou unha actividade moi significativa relacionada coa aula de Polos Creativos, que este ano ten un papel fundamental grazas á participación das mestras/es no PFPP. Decidimos unir a tecnoloxía coa educación en valores e así naceu a idea de crear uns chaveiros coa impresora 3D para todo o alumnado, cun deseño moi especial.💜





O chaveiro contén un escudo feminista, co puño pechado no centro, símbolo da loita e da unión das mulleres na procura dos seus dereitos. Dentro do escudo aparece a frase “Donas de Si”, que representa a nosa mensaxe principal: mulleres e nenas seguras de si mesmas, libres para tomar decisións, con voz propia e orgullosas da súa identidade.

💬 Porque todas e todos temos dereito a ser quen queremos ser. Porque as mulleres contan, loitan, crean, lideran, soñan... e sobre todo, merecen ser visibles e valoradas. Somos iguais, somos fortes, e somos donas de nós mesmas e mesmos.

GRAZAS a todas as persoas que fan posible proxectos como este. 💕👧👦👩‍🏫 

luns, 19 de maio de 2025

Foliada | Santiaguiños de Boimorto 🎶

Este ano, co gaio do Día das Letras Galegas 2025, celebramos unha actividade moi especial dedicada ás mulleres da nosa música tradicional: as cantareiras, verdadeiras protectoras da nosa lingua e cultura. A Real Academia Galega decidiu homenaxear a todas estas mulleres que, a través do canto e a pandeireta, transmitiron xeración tras xeración a riqueza do noso patrimonio oral.

Para visibilizar o seu traballo e poñer en valor o seu papel, desde o Equipo de Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega organizaron un obradoiro de baile tradicional galego coa colaboración da Asociación Santiaguiños de Boimorto.

Durante esta xornada tan especial, que contou coa participación de todo o centro e das familias, puidemos gozar dunha exhibición de bailes tradicionais acompañada de actuacións musicais en directo. O son das pandeiretas e das voces cantareiras encheu o colexio de alegría, orgullo e tradición.





O alumnado participou con moito entusiasmo, aprendendo pasos de baile, coñecendo as raíces da nosa música e entendendo o importante que foi —e segue sendo— o papel das mulleres na nosa cultura.




Foi unha xornada chea de música, aprendizaxe e emoción

Moitas grazas aos Santiaguiños de Boimorto polo seu traballo e paixón!

💫 Que nunca deixemos de cantar, de bailar… e de darlles voz ás mulleres que fixeron historia! 

venres, 9 de maio de 2025

Contacontos ilustrado | As Cantareiras 🎶

Hoxe o noso centro encheuse de música e emoción grazas a unha proposta moi especial que nos chegou da man da Consellaría de Política Social e Igualdade para conmemorar as Letras Galegas 2025. Este ano, o 17 de maio está dedicado á poesía popular e ás cantareiras, mulleres que foron voz do pobo e protectoras da tradición oral galega. 💜📖

O alumnado de EI e EP gozou dunha sesión de contacontos ilustrado baseado no libro Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025, unha homenaxe ás mulleres que transmitiron a nosa cultura de xeración en xeración. A sesión estivo conducida por:

🧔‍♂️ Quique, de Polo Correo do Vento, foi o encargado de narrar a historia cunha posta en escena chea de sentimento pola nosa lingua.

🎨 A ilustradora Tania Solla acompañou o relato debuxando en tempo real dúas cantareiras, o que deixou ao alumnado abraiado.

🥁 A pandereteira Patricia Faro puxo a banda sonora co seu talento e enerxía, facendo soar a pandeireta.



Ademais, realizamos un obradoiro de debuxo guiado por Tania Solla sobre a figura dunha cantareira. Mirade algúns exemplos!  








Esta actividade foi unha forma de recoñecer o valor das mulleres na nosa cultura, de reivindicar a súa presenza na historia e na tradición, e de lembrar que a igualdade tamén se traballa desde as aulas, desde o respecto polo que fomos e polo que queremos ser como sociedade. 💜

Durante a sesión, algúns nenos/as animáronse a cantar. Mirade ben que ben o fan!


Ademais, n materia de plástica, mirade que ben decoraron os nenos e nenas de 1ºEP e 2ºEP a porta da súa aula.

👏 Grazas á Consellaría de Política Social e Igualdade por achegar ao noso centro esta actividade tan enriquecedora. Agardamos poder repetir máis momentos coma este! 🎶👧🏽👦🏼🎨💜

mércores, 23 de abril de 2025

Elas contan 📚🌳

O 23 de abril, con motivo da celebración do Día do Libro, o noso colexio encheuse de cor, imaxinación e compromiso coa igualdade e a visibilización das mulleres grazas a unha actividade conxunta de Educación Infantil e Primaria.

A actividade xirou arredor dunha árbore, símbolo do crecemento, da diversidade e da lectura como ferramenta para transformar o mundo. As súas pólas medraron grazas ás achegas do noso alumnado: tarxetas que agochaban contos e mulleres con moita historia.

Cada curso escolleu un personaxe feminino –Mérida, Caperuchiña Vermella, Matilda, Alicia no País das Marabillas, Pippi Calzaslargas, Mulán ou mesmo Maléfica– e elaborou unha tarxeta moi especial.

Na parte exterior, decoraron o nome do personaxe e fixeron un debuxo ao seu gusto. Ao abrir a tarxeta, pódese ler unha descrición da personaxe e da súa historia, destacando a súa forza, intelixencia, valentía ou capacidade para tomar decisións propias.




Con esta proposta traballamos non só a lectura e a expresión artística, senón tamén valores fundamentais como o recoñecemento dos modelos femininos na LIX, a diversidade de roles e a necesidade de visibilizar mulleres que rompen cos estereotipos de xénero.

O resultado foi unha árbore chea de vida e mensaxes poderosas, que seguirá decorando o noso colexio como recordatorio de que as nenas tamén poden ser heroínas, aventureiras, sabias, libres ou mesmo antiheroínas con moito que contar.


Porque cada páxina lida é unha semente para un futuro máis xusto. 🌱💫

mércores, 2 de abril de 2025

A pedagoga María Montessori e o seu alfabeto

Na aula de Audición e Linguaxe botamos man do alfabeto Montessori para iniciar, desenvolver e afianzar os distintos sons e letras que compoñen a nosa linguaxe oral e escrita.

Así mesmo, decidimos compartir dito alfabeto co resto da comunidade educativa mediante a elaboración dun sinxelo mural e, de paso, ofrecer información sobre a figura da pedagoga italiana María Montessori.

Para isto, xunto ao mural, colocamos unha breve descrición/código QR desta figura onde se destaca o seu mérito académico por ser unha das primeiras mulleres italianas en obter o título de Medicina, así como o enfoque educativo innovador que deseñou e desenvolveu, coñecido a día de hoxe como “Método Montessori”, para o logro dun desenvolvemento integral de aprendizaxe. 


Actualmente, a influencia das investigacións desta pedagoga quedan patentes nas máis das 22.000 escolas Montessori repartidas por todo o mundo e no feito de poder contar nas nosas aulas con alfabetos de madeira, recunchos de aprendizaxe e/ou pósters coloridos.

Para rematar, agradecer ao persoal de cociña do noso cole os recursos que nos deixaron e que fixeron posible a decoración das distintas letras!💜

venres, 14 de marzo de 2025

Manuela Contacontos | "Princesas non, grazas"

Hoxe tivemos a sorte de contar coa visita de Manuela Varela, coñecida como Manuela Contacontos que realizou unha sesión de contacontos para o alumnado de EI e EP. 

Con un toque de maxia, en “Princesas non, grazas” tratouse de desmitificar os roles e estereotipos de xénero a través dos contos: Hai algo máis aburrido que ser unha princesa de cor rosa?, no que a Princesa de cor rosa se revela contra o que a sociedade na que vive lle impón e, a través do conto, Cando as nenas voan alto, descubrimos xunto ás protagonistas que todos os obstáculos que lles impiden ser o que elas desexan proveñen dunha terrible desigualdade que lles di o que teñen que ser.




Manuela ensinounos que as princesas teñen voz propia, deciden o seu destino e demostran que non necesitan un príncipe para ser felices ou vivir grandes aventuras. A través das súas historias, convidounos a mirar máis aló das ideas preconcibidas e a valorar a importancia de que nenos e nenas poidan imaxinar futuros sen límites.



Moitas grazas a Manuela por esta experiencia inspiradora. Esperamos que as súas historias nos sigan animando a romper estereotipos e a construír un mundo máis igualitario.💜 

Moitas grazas ao Equipo de Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega por facer isto posible.💜 

venres, 7 de marzo de 2025

8 M | Mulleres que abriron portas

8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller, unha data na que lembramos as loitas das mulleres ao longo da historia, así como a importancia de seguir traballando pola igualdade real entre mulleres e homes. Para conmemorar este día, realizamos unha actividade que consiste na elaboración duns carteis que se colocaron nas portas das aulas, para que todos e todas os que entremos nas clases recordemos a importancia da igualdade e a loita polos dereitos das mulleres. 

Cada cartel está dedicado a unha muller que, de distintas maneiras, deixou a súa pegada na historia: deportistas, presentadoras, raíñas... Mulleres que, co seu esforzo e valentía, conseguiron abrir camiños para as que viñeron despois. 

O alumnado de 1º e 2º de EP homenaxearon a Teresa Rabal, unha muller que deixou unha gran pegada na cultura galega. Os máis pequenos/as aprenderon máis sobre a súa vida e o seu legado.

O alumnado de 3º EP fixo un cartel sobre a xogadora de fútbol Alexia Putellas, destacando a súa carreira e logros. No cartel, resáltanse os seus éxitos co FC Barcelona e a súa importante contribución á selección española.

O alumnado de 4º e 5º EP homenaxeou a Ana Peleteiro, atleta galega especializada en triple salto que destaca por ser unha das mellores saltadoras de España. Peleteiro é unha gran defensora da igualdade de xénero no deporte e na sociedade.

O alumnado de 6º EP fixo un cartel sobre Cleopatra, unha das figuras máis coñecidas da historia antiga debido á súa intelixencia, beleza e capacidade política. 



Viva o 8M! 

8 M | Unha fotografía especial

Con motivo do Día Internacional da Muller (8M), o alumnado de EIEP ESO participou nunha actividade colectiva para concienciar sobre a igualdade de xénero. A proposta consistiu en formar no patio unha figura humana para visibilizar a loita das mulleres pola igualdade de dereitos e oportunidades. Para isto, cada alumno/a levaba unha cartolina violeta co símbolo feminista e a data 8M simbolizando a unidade e o compromiso coas mulleres de todo o mundo. A imaxe resultante foi captada desde as alturas, creando unha instantánea chea de forza e mensaxe. Foi unha maneira creativa e divertida de implicar ao alumnado en valores como a igualdade, o respecto e a solidariedade. 

Mirade que ben quedou a fotografía! 💜

Ademais, creouse unha playlist especial en Spotify, chea de cancións que falan da igualdade de xénero. Esta música puido escoitarse durante todo o día no centro. Podedes botarlle un ollo no seguinte enlace.

https://open.spotify.com/playlist/3EdoJF2ZuI6RHY6OqkT5Cw?si=O37oYwDfQseI8JKidbQDNQ

Gracias a todo o profesorado pola súa colaboración! 💜