mércores, 11 de xuño de 2025

Chaveiros coa impresora 3D ✊✨

Este curso, a través do proxecto Donas de Si, estivemos reflexionando sobre o importante que é recoñecer o valor, a forza e a capacidade das mulleres en todos os ámbitos da vida: na familia, no traballo, no deporte, na ciencia, na cultura… en todo!

Como recordo deste proxecto, o profesorado deseñou unha actividade moi significativa relacionada coa aula de Polos Creativos, que este ano ten un papel fundamental grazas á participación das mestras/es no PFPP. Decidimos unir a tecnoloxía coa educación en valores e así naceu a idea de crear uns chaveiros coa impresora 3D para todo o alumnado, cun deseño moi especial.💜





O chaveiro contén un escudo feminista, co puño pechado no centro, símbolo da loita e da unión das mulleres na procura dos seus dereitos. Dentro do escudo aparece a frase “Donas de Si”, que representa a nosa mensaxe principal: mulleres e nenas seguras de si mesmas, libres para tomar decisións, con voz propia e orgullosas da súa identidade.

💬 Porque todas e todos temos dereito a ser quen queremos ser. Porque as mulleres contan, loitan, crean, lideran, soñan... e sobre todo, merecen ser visibles e valoradas. Somos iguais, somos fortes, e somos donas de nós mesmas e mesmos.

GRAZAS a todas as persoas que fan posible proxectos como este. 💕👧👦👩‍🏫 

Ningún comentario:

Publicar un comentario