luns, 19 de maio de 2025

Foliada | Santiaguiños de Boimorto 🎶

Este ano, co gaio do Día das Letras Galegas 2025, celebramos unha actividade moi especial dedicada ás mulleres da nosa música tradicional: as cantareiras, verdadeiras protectoras da nosa lingua e cultura. A Real Academia Galega decidiu homenaxear a todas estas mulleres que, a través do canto e a pandeireta, transmitiron xeración tras xeración a riqueza do noso patrimonio oral.

Para visibilizar o seu traballo e poñer en valor o seu papel, desde o Equipo de Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega organizaron un obradoiro de baile tradicional galego coa colaboración da Asociación Santiaguiños de Boimorto.

Durante esta xornada tan especial, que contou coa participación de todo o centro e das familias, puidemos gozar dunha exhibición de bailes tradicionais acompañada de actuacións musicais en directo. O son das pandeiretas e das voces cantareiras encheu o colexio de alegría, orgullo e tradición.





O alumnado participou con moito entusiasmo, aprendendo pasos de baile, coñecendo as raíces da nosa música e entendendo o importante que foi —e segue sendo— o papel das mulleres na nosa cultura.




Foi unha xornada chea de música, aprendizaxe e emoción

Moitas grazas aos Santiaguiños de Boimorto polo seu traballo e paixón!

💫 Que nunca deixemos de cantar, de bailar… e de darlles voz ás mulleres que fixeron historia! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario