mércores, 23 de abril de 2025

Elas contan 📚🌳

O 23 de abril, con motivo da celebración do Día do Libro, o noso colexio encheuse de cor, imaxinación e compromiso coa igualdade e a visibilización das mulleres grazas a unha actividade conxunta de Educación Infantil e Primaria.

A actividade xirou arredor dunha árbore, símbolo do crecemento, da diversidade e da lectura como ferramenta para transformar o mundo. As súas pólas medraron grazas ás achegas do noso alumnado: tarxetas que agochaban contos e mulleres con moita historia.

Cada curso escolleu un personaxe feminino –Mérida, Caperuchiña Vermella, Matilda, Alicia no País das Marabillas, Pippi Calzaslargas, Mulán ou mesmo Maléfica– e elaborou unha tarxeta moi especial.

Na parte exterior, decoraron o nome do personaxe e fixeron un debuxo ao seu gusto. Ao abrir a tarxeta, pódese ler unha descrición da personaxe e da súa historia, destacando a súa forza, intelixencia, valentía ou capacidade para tomar decisións propias.




Con esta proposta traballamos non só a lectura e a expresión artística, senón tamén valores fundamentais como o recoñecemento dos modelos femininos na LIX, a diversidade de roles e a necesidade de visibilizar mulleres que rompen cos estereotipos de xénero.

O resultado foi unha árbore chea de vida e mensaxes poderosas, que seguirá decorando o noso colexio como recordatorio de que as nenas tamén poden ser heroínas, aventureiras, sabias, libres ou mesmo antiheroínas con moito que contar.


Porque cada páxina lida é unha semente para un futuro máis xusto. 🌱💫

Ningún comentario:

Publicar un comentario