mércores, 23 de abril de 2025

Elas contan 📚🌳

O 23 de abril, con motivo da celebración do Día do Libro, o noso colexio encheuse de cor, imaxinación e compromiso coa igualdade e a visibilización das mulleres grazas a unha actividade conxunta de Educación Infantil e Primaria.

A actividade xirou arredor dunha árbore, símbolo do crecemento, da diversidade e da lectura como ferramenta para transformar o mundo. As súas pólas medraron grazas ás achegas do noso alumnado: tarxetas que agochaban contos e mulleres con moita historia.

Cada curso escolleu un personaxe feminino –Mérida, Caperuchiña Vermella, Matilda, Alicia no País das Marabillas, Pippi Calzaslargas, Mulán ou mesmo Maléfica– e elaborou unha tarxeta moi especial.

Na parte exterior, decoraron o nome do personaxe e fixeron un debuxo ao seu gusto. Ao abrir a tarxeta, pódese ler unha descrición da personaxe e da súa historia, destacando a súa forza, intelixencia, valentía ou capacidade para tomar decisións propias.




Con esta proposta traballamos non só a lectura e a expresión artística, senón tamén valores fundamentais como o recoñecemento dos modelos femininos na LIX, a diversidade de roles e a necesidade de visibilizar mulleres que rompen cos estereotipos de xénero.

O resultado foi unha árbore chea de vida e mensaxes poderosas, que seguirá decorando o noso colexio como recordatorio de que as nenas tamén poden ser heroínas, aventureiras, sabias, libres ou mesmo antiheroínas con moito que contar.


Porque cada páxina lida é unha semente para un futuro máis xusto. 🌱💫

mércores, 2 de abril de 2025

A pedagoga María Montessori e o seu alfabeto

Na aula de Audición e Linguaxe botamos man do alfabeto Montessori para iniciar, desenvolver e afianzar os distintos sons e letras que compoñen a nosa linguaxe oral e escrita.

Así mesmo, decidimos compartir dito alfabeto co resto da comunidade educativa mediante a elaboración dun sinxelo mural e, de paso, ofrecer información sobre a figura da pedagoga italiana María Montessori.

Para isto, xunto ao mural, colocamos unha breve descrición/código QR desta figura onde se destaca o seu mérito académico por ser unha das primeiras mulleres italianas en obter o título de Medicina, así como o enfoque educativo innovador que deseñou e desenvolveu, coñecido a día de hoxe como “Método Montessori”, para o logro dun desenvolvemento integral de aprendizaxe. 


Actualmente, a influencia das investigacións desta pedagoga quedan patentes nas máis das 22.000 escolas Montessori repartidas por todo o mundo e no feito de poder contar nas nosas aulas con alfabetos de madeira, recunchos de aprendizaxe e/ou pósters coloridos.

Para rematar, agradecer ao persoal de cociña do noso cole os recursos que nos deixaron e que fixeron posible a decoración das distintas letras!💜