luns, 24 de febreiro de 2025

24 de febreiro | O xardín de Rosalía

Hoxe, 24 de febreiro, achegámonos á figura de Rosalía de Castro, un referente na literatura galega e unha muller que loitou polo recoñecemento da nosa cultura e pola mellora da situación das mulleres. Con motivo desta data o alumnado de EI, EP e 1º-2º da ESO creou un xardín que busca render homenaxe á escritora e, ao mesmo tempo, visibilizar o papel das mulleres na sociedade.

O alumnado decorou unha flor (engadindo información e poemas da autora) que, xuntas, formaron un xardín na entrada do centro. Cada flor simboliza a forza de Rosalía e a súa capacidade para loitar, crear e transformar a súa realidade.



Queremos que este xardín se converta nun espazo simbólico onde as flores representen a forza das mulleres, creando un legado de visibilidade, recoñecemento e igualdade para todos e todas.

Que vos parece? 💜


domingo, 16 de febreiro de 2025

Quen é Marie Curie?

Con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, no Obradoiro de estimulación da linguaxe oral, desenvolvido pola especialista de Audición e Linguaxe, leváronse a cabo unha serie de actividades para coñecer a vida e obra da científica Marie Curie.

Para isto, primeiro introducíronse os conceptos de ciencia e científica facendo unha chuvia de ideas sobre que podía significar e o que non, seguida dun vídeo no cal se explicaban, de forma amena e clara, ambos termos.

Aquí tedes o enlace do vídeo: https://www.youtube.com/watch?v=v5Bgwbv5miQ

Logo, apoiándonos noutro vídeo, coñecemos os esforzos e barreiras que Marie Curie tivo que superar para poder estudar, os importantes descubrimentos que fixo sobre elementos químicos como o radio e o polonio, os importantes premios que gañou así como a paixón que sempre demostrou polo seu traballo e polas ciencias.

Enlace do vídeo sobre Marie Curie: https://www.youtube.com/watch?v=oXNFH8G8XOo

Tamén contamos cunhas tarxetas de vocabulario coas que repasamos as palabras que mellor describen a esta científica. Por exemplo: lupa, gafas, laboratorio...

E, para rematar, coloreamos uns debuxos para poder recordar a celebración desta data e despois poder compartir coa familia as aprendizaxes sobre a ciencia e o papel da muller na mesma.

Velaquí, vos mostramos algunhas imaxes! 







Por outra banda, en Educación Primaria, celebrouse tamén esta data especial repasando a obra de varias mulleres como Sara García Alonso, Jane Goodall, entre outras.







mércores, 12 de febreiro de 2025

Show científico | As inmortais

Hoxe celebramos o Día Internacional da Nena e a Muller na Ciencia, unha data clave para recoñecer o papel fundamental das mulleres na historia científica e para fomentar a participación das nenas nas disciplinas STEM. Este ano, conmemoramos esta xornada cun show científico especial titulado "As Inmortais", que nos fixo reflexionar sobre a importancia da igualdade de xénero na ciencia. A este espectáculo, dividido en tres obradoiros, asistiu o alumnado de todas as etapas educativas do centro: EI, EP e ESO.

"As Inmortais" é unha viaxe fascinante a través das vidas e descubrimentos de mulleres que marcaron a historia da ciencia, moitas delas esquecidas ou invisibilizadas. Desde Marie Curie, muller fundamental na historia da ciencia, ata Rosalind Franklin, cuxo traballo foi clave para desvelar a estrutura do ADN, cada historia resoa como un recordatorio do talento feminino que loitou contra os prexuízos para abrir camiño.


O espectáculo, ademais de entreternos, ensinounos que a ciencia non ten xénero e que as nenas poden soñar con ser físicas, químicas, matemáticas ou enxeñeiras. Esperamos que o legado destas "inmortais" nos inspire a todas e todos a avanzar cara a un mundo onde o talento sexa recoñecido por igual, sen importar o xénero. Porque a ciencia necesita das mulleres, e o mundo necesita máis igualdade.


Moitas grazas por vir ao noso centro, David! Encantounos! 💜

Moitas grazas ao Departamento de Física e Química e ao Equipo de Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega por colaborar nestes obradoiros. 💜

martes, 4 de febreiro de 2025

O conto de Maruxa

“Maruxa”, conto escrito por Eva Mejuto e ilustrado por Mafalda Milhões, é unha versión moderna dos contos tradicionais que nos convida a reflexionar sobre a igualdade e o reparto de tarefas. Este conto non só é entretido, senón que tamén nos deixa unha ensinanza importante: todos debemos colaborar e compartir responsabilidades

Non importa se somos nenos ou adultos, homes ou mulleres, todos podemos axudar e aportar no fogar e na sociedade. É un conto ideal para ler en familia e conversar sobre valores como a igualdade, o esforzo e o respecto. Este libro invítanos a pensar e a actuar de maneira máis xusta na nosa vida cotiá. ¡Espero que vos inspire a ser máis solidarios!

Mirade que actividades fixemos coa profe de relixión! 💜