xoves, 30 de xaneiro de 2025

A historia de Malala Yousafzai

O 30 de xaneiro é unha data importante para reflexionar sobre a necesidade de convivir sen conflitos nin discriminacións. Por iso, o alumando de 4º - 5º e 6º de Educación Primaria gravou na radio do centro a historia dunha muller que se converteu nun símbolo global da loita pola educación e a igualdade de xénero: Malala Yousafzai.

Malala, nacida en Paquistán, destacou dende moi nova polo seu desexo de aprender. Nunha sociedade onde moitas nenas teñen prohibido estudar, ela non só loitou polo seu dereito á educación, senón tamén polo de todas as rapazas do seu país. Con tan só 17 anos, converteuse na persoa máis nova en recibir o Premio Nobel da Paz.

Convidámosvos a escoitar a súa historia a través da voz dos nosos nenos e nenas! 💜


Mirade que debuxos tan bonitos fixemos!




Contacontos | A guerra dos números

Hoxe o alumnado de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria tivo a gran sorte de asistir a outra sesión de contacontos organizada pola profe Nuria para conmemorar o Día Internacional da Paz e Non Violencia. Desta vez o libro elixido foi A guerra dos números, de Juan Darién, para reflexionar sobre a importancia de construír un mundo onde as diferenzas sumen e nunca dividan

Igual que no libro os números aprenden a convivir, nós tamén debemos aprender a sumar esforzos para garantir que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde en todos os ámbitos da sociedade. Por iso, nesta data tan importante unificamos paz e igualdade, porque só traballando xuntos conseguiremos construír unha sociedade máis xusta para todas as persoas.

Moitas gracias a profe Nuria! 💜

Mirade que contacontos máis guai tivemos! 💜



As pezas da paz

No Día Escolar da Paz e Non Violencia reflexionamos sobre a importancia de vivir en harmonía e respeto entre todas as persoas, sen importar o seu xénero, raza ou orixe. Este ano, decidimos relacionar esta data coa igualdade de xénero e a inclusión, dous valores fundamentais para construír un mundo mellor.

Todo o alumnado participou nunha actividade moi especial: decoraron as pezas dun crebacabezas para formar un mural colectivo na entrada do centro. Cada peza representa un valor importante como o respecto, a igualdade, a xustiza, a paz... Aínda que as pezas do rompecabezas son diferentes, xuntas forman unha fermosa imaxe que simboliza a nosa firme crenza en que a paz, a igualdade de xénero e a inclusión son pezas importantes para crear unha sociedade mellor.

Seguiremos traballando para que a igualdade de xénero e a inclusión sexan parte do noso día a día. A paz non é só un día ao ano, senón un valor que debemos practicar todos os días.

Gústavos como nos quedou? 💜

martes, 21 de xaneiro de 2025

Teatro | A teteira de Kabul

Hoxe, grazas ao departamento de música do centro, o alumnado de Educación Primaria foi ao teatro para gozar da obra A teteira de KabulA súa protagonista é Mina, unha nena afgá que ten que abandonar o seu fogar debido ás consecuencias da guerra. Xunto á súa familia comeza unha longa viaxe na que, a pesar das dificultades, vai descubrindo a beleza do tránsito grazas ás historias que lle conta súa nai e que ela garda nunha teteira. A personaxe de Mina está inspirada na vida da escritora afgá Nadia Ghulam.


Esta obra amósanos unha realidade marcada pola desigualdade de xénero, poñendo o foco nas vidas e loitas das mulleres en contextos de opresión. Ademais, permítenos reflexionar sobre os dereitos das mulleres, a discriminación e a importancia de dar voz a quen historicamente foi silenciado. 

Botádelle un ollo ás imaxes e ao vídeo! 💜