martes, 10 de decembro de 2024

Lecturas que inspiran

Grazas a este proxecto a semana pasada chegaron ao cole unha chea de libros que nos acercan ás vidas e ás contribucións de moitas mulleres galegas que marcaron a diferenza no seu tempo.

Coñecer as mulleres galegas que destacaron en campos como a literatura, a ciencia, ou a arte permítenos entender que a historia non foi escrita só por homes. Estas historias tamén nos inspiran a superar obstáculos e a soñar sen límites, rompendo estereotipos de xénero.

A nosa biblioteca conta agora con obras sobre María Casares, Ángeles Alvariño, Ángela Ruiz Robles... e, para os máis pequenos/as, a historia de Os Bolechas, a prol da igualdade. Estes libros son unha oportunidade para descubrir o talento, o esforzo e a valentía de todas. Ademais, tamén contamos con decálogos sobre a diversidade LGTBI que fomentan o respecto, a empatía e a aprendizaxe de toda a comunidade educativa.

Animámosvos a visitar a biblioteca e mergullarvos nestas historias inspiradoras. 💜

Porque a igualdade tamén se aprende nos libros.



xoves, 5 de decembro de 2024

Visita a Amarai

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade o alumnado de Educación Infantil visitou o Centro de Recursos Amarai para vivir unha experiencia inesquecible. Esta actividade tiña un obxectivo moi especial: aprender sobre a importancia da igualdade e visibilizar o papel de todas as persoas na sociedade.

Durante a visita, os nenos e nenas participaron en actividades conxuntas cos usuarios/as do centro. Xogaron e cantaron moito. Foi marabilloso ver como, a través do xogo e a música, descubrían que, aínda que todos somos diferentes, tamén temos moito en común. Estamos moi orgullosos de ver como os nosos pequenos/as comezan a comprender o valor da igualdade e da solidariedade.

Grazas a Amarai por convidarnos! 💜