luns, 16 de xuño de 2025

📍Última parada no Camiño

O luns 16 e xoves 19 de xuño, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participou nunha actividade moi esperada: fixemos dous tramos do Camiño de Santiago! Foi unha saída lúdico-recreativa, organizada pola titora de 4º-5º, o titor de 6º e o especialista de Educación Física, coa intención de desfrutar dunha xornada de convivencia, movemento e contacto coa natureza. 🌿☀️

Durante a camiñata, compartimos conversas, risas e moitos pasos. Foi unha ocasión perfecta para fomentar o traballo en equipo, o respecto e a igualdade entre todas e todos. Sen competicións, sen diferenzas. Todas as nenas e nenos tiveron o seu espazo, o seu ritmo e o seu protagonismo.

Nesta actividade, a igualdade fíxose presente de forma natural: camiñamos en grupo, acompañándonos e apoiándonos ao longo do traxecto. Non fixemos distincións nin roles marcados, e iso axuda a construír unha convivencia máis xusta, onde cada persoa conta e suma.

Foi unha maneira diferente e fermosa de pechar este espazo no noso blogue, agradecendo todo o aprendido e vivido ao longo do curso. 💜







Ata a próxima aventura... e bo camiño! 💜 💜

mércores, 11 de xuño de 2025

Chaveiros coa impresora 3D ✊✨

Este curso, a través do proxecto Donas de Si, estivemos reflexionando sobre o importante que é recoñecer o valor, a forza e a capacidade das mulleres en todos os ámbitos da vida: na familia, no traballo, no deporte, na ciencia, na cultura… en todo!

Como recordo deste proxecto, o profesorado deseñou unha actividade moi significativa relacionada coa aula de Polos Creativos, que este ano ten un papel fundamental grazas á participación das mestras/es no PFPP. Decidimos unir a tecnoloxía coa educación en valores e así naceu a idea de crear uns chaveiros coa impresora 3D para todo o alumnado, cun deseño moi especial.💜





O chaveiro contén un escudo feminista, co puño pechado no centro, símbolo da loita e da unión das mulleres na procura dos seus dereitos. Dentro do escudo aparece a frase “Donas de Si”, que representa a nosa mensaxe principal: mulleres e nenas seguras de si mesmas, libres para tomar decisións, con voz propia e orgullosas da súa identidade.

💬 Porque todas e todos temos dereito a ser quen queremos ser. Porque as mulleres contan, loitan, crean, lideran, soñan... e sobre todo, merecen ser visibles e valoradas. Somos iguais, somos fortes, e somos donas de nós mesmas e mesmos.

GRAZAS a todas as persoas que fan posible proxectos como este. 💕👧👦👩‍🏫