luns, 19 de maio de 2025

Foliada | Santiaguiños de Boimorto 🎶

Este ano, co gaio do Día das Letras Galegas 2025, celebramos unha actividade moi especial dedicada ás mulleres da nosa música tradicional: as cantareiras, verdadeiras protectoras da nosa lingua e cultura. A Real Academia Galega decidiu homenaxear a todas estas mulleres que, a través do canto e a pandeireta, transmitiron xeración tras xeración a riqueza do noso patrimonio oral.

Para visibilizar o seu traballo e poñer en valor o seu papel, desde o Equipo de Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega organizaron un obradoiro de baile tradicional galego coa colaboración da Asociación Santiaguiños de Boimorto.

Durante esta xornada tan especial, que contou coa participación de todo o centro e das familias, puidemos gozar dunha exhibición de bailes tradicionais acompañada de actuacións musicais en directo. O son das pandeiretas e das voces cantareiras encheu o colexio de alegría, orgullo e tradición.





O alumnado participou con moito entusiasmo, aprendendo pasos de baile, coñecendo as raíces da nosa música e entendendo o importante que foi —e segue sendo— o papel das mulleres na nosa cultura.




Foi unha xornada chea de música, aprendizaxe e emoción

Moitas grazas aos Santiaguiños de Boimorto polo seu traballo e paixón!

💫 Que nunca deixemos de cantar, de bailar… e de darlles voz ás mulleres que fixeron historia! 

venres, 9 de maio de 2025

Contacontos ilustrado | As Cantareiras 🎶

Hoxe o noso centro encheuse de música e emoción grazas a unha proposta moi especial que nos chegou da man da Consellaría de Política Social e Igualdade para conmemorar as Letras Galegas 2025. Este ano, o 17 de maio está dedicado á poesía popular e ás cantareiras, mulleres que foron voz do pobo e protectoras da tradición oral galega. 💜📖

O alumnado de EI e EP gozou dunha sesión de contacontos ilustrado baseado no libro Cantareiras. A poesía popular nas Letras Galegas 2025, unha homenaxe ás mulleres que transmitiron a nosa cultura de xeración en xeración. A sesión estivo conducida por:

🧔‍♂️ Quique, de Polo Correo do Vento, foi o encargado de narrar a historia cunha posta en escena chea de sentimento pola nosa lingua.

🎨 A ilustradora Tania Solla acompañou o relato debuxando en tempo real dúas cantareiras, o que deixou ao alumnado abraiado.

🥁 A pandereteira Patricia Faro puxo a banda sonora co seu talento e enerxía, facendo soar a pandeireta.



Ademais, realizamos un obradoiro de debuxo guiado por Tania Solla sobre a figura dunha cantareira. Mirade algúns exemplos!  








Esta actividade foi unha forma de recoñecer o valor das mulleres na nosa cultura, de reivindicar a súa presenza na historia e na tradición, e de lembrar que a igualdade tamén se traballa desde as aulas, desde o respecto polo que fomos e polo que queremos ser como sociedade. 💜

Durante a sesión, algúns nenos/as animáronse a cantar. Mirade ben que ben o fan!


Ademais, n materia de plástica, mirade que ben decoraron os nenos e nenas de 1ºEP e 2ºEP a porta da súa aula.

👏 Grazas á Consellaría de Política Social e Igualdade por achegar ao noso centro esta actividade tan enriquecedora. Agardamos poder repetir máis momentos coma este! 🎶👧🏽👦🏼🎨💜